Noticias

Arrinca a 32ª edición do Festival Noroeste Estrella Galicia 2018 con The Pretenders, Viva Suecia, Belle & Sebastian, Temples, Neneh Cherry e James Holden & The Animal Spirit, entre máis de 80 bandas

Seis días de concertos eclécticos, 14 escenarios urbanos emblemáticos, 150 horas de música en vivo e unha marcada presenza feminina definen esta nova edición do festival, cuxo programa completo foi presentado esta mañá 

A lexendaria banda The Pretenders liderada desde fai xa 40 años por Chrissie Hyndehará vibrar ao público no areal da baía herculina o sábado 11 de agosto cos temas do seu último traballo, Alone, e con hits tan gloriosos como Don’ t Get Me Wrong ou I’ll Stand By You

O indie pop máis celebrado da escena española do momento chegará a Riazor con Viva Suecia, mentres que Temples dará renda solta ao seu rock independente e psicodélico con sabor británico

Maika Makovski, Mad Martin Trío, Tulsa, Esteban y Manuel, FAB ou Les Filles de Illighadad destacan tamén nun cartel que inundará da mañá á noite a cidade con ciclos para públicos diversos: o Noroeste Estendido, as Matinais, a Selección Noroeste e os concertos da praia de Riazor

A Coruña, 7 de agosto de 2018.- Seis días de concertos eclécticos, máis de 80 bandas e artistas imprescindibles, 14 escenarios urbanos emblemáticos, 150 horas de música en vivo e unha marcada presenza feminina definen ao 32º Festival Noroeste Estrella Galicia, que un ano máis convertirá A Coruña en un fervedoiro de propostas musicais singulares do 7 ao 12 de agosto. Este 2018, o Festival Noroeste Estrella Galicia continúa a súa aposta pola calidade, a diversidade e a contemporaneidade para públicos diversos, nunha cidade aberta e próxima que se mecerá ao son da mellor música. The Pretenders, Viva Suecia e Temples serviranse como pratos fortes do festival no escenario da praia de Riazor, xunto aos xa confirmados Belle and Sebastian. No cartel desta 32º edición do Noroeste destacan tamén novas confirmacións como as de Maika Makovski, Mad Martin Trío, Esteban y Manuel, FAB, Los Nastys, Les Filles de Illighadad, Mursego ou Andhrea & The Black Cats.

O festival, organizado polo Concello da Coruña coa colaboración especial de Estrella Galicia, abrirase aos sons e estilos máis variados -pop, rock, swing, folk, psicodelia, reminiscencias sixties, funk, hiphop, sons urbanos, flamenco experimental, fado, jazz, electrónica, vanguardia minimalista, canción de autor, country, rock progresivo, garage, rockabilly, indie e ata o hardcore máis salvaxe- nun total de 14 localización: o Bulevar do Papagaio, o Campo da Leña, a Casa Museo Casares Quiroga, o Castelo de Santo Antón, a Fundación Luis Seoane, o Parque do Paseo das Pontes, a praia de Riazor, a Praza das Bárbaras, a praza José Sellier Loup, a Praza de San Nicolás, a rúa Torreiro, a rúa Capitán Troncoso, o Teatro Rosalía Castro e o Teatro Colón. Ademais, seguindo a estela aberta nas súas edicións máis recentes, o Noroeste Estrella Galicia incluirá da mañá á noite diferentes liñas de programación para o gozo dos públicos máis diversos:

  • O Noroeste Estendido: a música toma un ano máis as prazas, os museos, os parques, o castelo e os edificios máis emblemáticos da Coruña cos sons máis eclécticos.
  • As Matinais: unha completa mostra da escena independente galega e estatal chea de ritmo
  • A Selección Noroeste: directos singulares para padais exquisitos que tamén queren vivir o Noroeste desde o patio de butacas.
  • Os concertos da praia de Riazor: actuacións de alta voltaxe para gozar dunha experiencia atlántica única con vistas á baía herculina.
  • O Mercado da Colleita: o festival despedirase cunha romaría popular no Parque do Paseo das Pontes, para gozar coa mellor música e con moitas outras actividades para toda a familia da man do Mercado da Colleita. Ademais de vibrar cos directos, o público poderá descubrir como cultivar unha horta urbana e participar en degustacións, xogos e moitas outras sorpresas.

Como apuntou o concelleiro de Culturas, Deporte e Coñecemento José Manuel Sande, “o eclecticismo, a calidade dos directos, a aposta polo descubrimento e un mapa de sons con opcións para todos os públicos fan do Noroeste Estrella Galicia un encontro único, que se afianza como un festival que é xa patrimonio da música estatal”. Sande quixo agradecer a entrega das bandas, artistas, promotoras e asociacións colaboradoras que un ano máis fan posible a existencia do Noroeste. Nas súas propias palabras, “mención especial merecen Cuac FM e o seu tradicional Concurso de Bandas e Solistas, que achega novos nomes da escena galega ao escenario da praia de Riazor; a asociación sen ánimo de lucro Desconcierto Cultural, encargada de programar con gusto as nosas sesións Matinais, que en 2017 foron a gran revelación do festival e que este 2018 chegan, se cabe, aínda máis fortes; e Radio 3, que desde fai tres anos segue de preto os nosos pasos, outorgándolle ao Noroeste un posto destacado entre as citas musicais do verán”.

Para o alcalde da Coruña, Xulio Ferreiro, “o feito de que os escenarios estean repartidos por distintos puntos emblemáticos provoca que cidade e festival dialoguen de maneira máis natural e orgánica. Fronte ao concepto de recinto pechado, esta proposta ten vocación aberta e integradora: a cidade atlántica como sinónimo de espazo de cultura e de vivencias únicas”. Ferreiro destacou, ademais, a singularidade e a responsabilidade da fórmula do Noroeste, como “un proxecto que aposta pola creación feminina e pola calidade como máxima absoluta”.

O cartel desta edición número 32 do festival presenta un abanico de artistas tan variados como singulares e prestixiosos, para que toda a cidadanía local e foránea poda vivir a música dunha forma experiencial, próxima e sostible. En palabras de Ferreiro, “no Noroeste Estrella Galicia podes dirixirte a un concerto que teñas anotado na axenda ou pasear polas rúas da Coruña e atoparte cunha artista á que quizais non coñecías, pero que, sen dúbida, merece a pena descubrir, e que está tocando nun recuncho encantador”.

Da mano do Noroeste Estrella Galicia, A Coruña se posiciona como unha cidade aberta na que a música toma as prazas e os paseos, os edificios máis emblemáticos e ata o mar, devolvéndolle á cidadanía o seu gozo libre, cotián e gratuíto da música, e convertindo ao festival nunha cita imprescindible do verán peninsular. O Noroeste é, tamén, unha mostra máis do apoio que impulsa o Concello da Coruña ao tecido cultural e asociativo non só da cidade, senón tamén de toda a rexión. O Noroeste Estrella Galicia, o evento coa maior oferta musical que se celebra en Galicia, se erixe un ano máis como a punta de lanza da política cultural do gobeerno municipal.

UN REPASO AO CARTEL DO 32º FESTIVAL NOROESTE ESTRELLA GALICIA

Como estrelas internacionais aparece The Pretenders, o lexendario combo da Nova Onda de Chrissie Hynde. Tamén Belle and Sebastian, encantador grupo de Glasgow que escribiu algunhas das cancións de pop británico máis emocionantes das dúas últimas décadas. Non menos mítica é Neneh Cherry, unha das líderes do son trip hop dos 90 e dona dunha traxectoria inquieta e en constante búsqueda de novos territorios. Outro veterano de mil batallas é James Holden, DJ de electrónica que fará as delicias dos seus seguidores no Teatro Rosalía Castro. A ex Stereolab Laetitia Sadier, secundada pola Source Ensemble, dará renda solta á súa visión particular do folk-pop ensoñador. Roy Ellis, pola súa parte, é unha lenda da música xamaicana que se mantén en plena forma aos seus 72 anos. Dorian Wood, anxelino de orixe latina, é unha forza escénica que desborda personalidade a través do pop e da vangarda. Máis novos son os británicos Temples, que traen á praia toda a actualidade do pop psicodélico dos 60.

Se a presenza de artistas foráneos chama a atención, tanto ou máis o fai a estatal. Maria Arnal i Marcel Bagés son unha das aparicións máis fulgurantes na música española coa súa mestura de tradición e modernidade. Que dicir de Maria del Mar Bonet, clásica representante da música mediterránea. Máis voces de muller interesantes: a innovadora BFlecha, Rocío Márquez e o seu flamenco heterodoxo e hipnotizante, a crudeza seductora de MaikaMakovski, NathyPeluso -fascinante animal escénico que parte de sons urbanos para chegar ao mundo-, a profundidade pop de Christina Rosenvinge, as marabillosas cancións da novísima MaremLadson, a voz privilexiada de Morgan, o fado de Dona Rosa e a sempre transgresora e interesante proposta de Ana Curra. Non faltará soul con The Limboos e Aurora & The Betrayers, a xuventude exultante de La Plata e Viva Suecia, a canción de autor heterodoxa de Ángel Stanich ou os inclasificables e hipnóticos ZA! Tampouco debemos olvidar outros nomes de aquí e de fóra como os de Les Filles de Illighadad, Tulsa, Los Estanques, Melenas, FAB, Nastasia Zürcher, Nzumbe, Mursego ou Andhrea & The Black Cats.

Outra das características que fan especial ao Noroeste é a súa vinculación co talento local e autonómico, como verdadeiro escaparate do que está sucedendo na nova escena musical galega. Este 2018 contaremos coa participación de nomes que pisan forte e chegan con ganas de mostrarse ao mundo: Mordem, Wondermind, Bea a de Estrella, Carla Green & The Demons, Oh!Mega, Las Antonias, Mad Martin Trío, The Big Lis Gumbo Band, Glitchgirl, The Lákazans, Hexany, Nortones, Escuchando Elefantes…