O 33º Festival Noroeste Estrella Galicia da Coruña desvelou un novoa vance do seu cartel para este 2019. A frescura retro-futurista de Belako, que mistura o punk-rock cos ambientes máis cálidos da electrónica sinfónica, subirase ás táboas da Praia de Riazor o sábado 10 de agosto. Pola súa banda, a lenda estadounidense Jello Biafra, considerado como o líder intelectual do movemento punk, súmase ao cartel do venres 9 en Riazor xunto a Patti Smith and Band e Nathy Peluso. Mentres, o inclasificable trobador tecno Joe Crepúsculo celebrará unha década de carreira a ritmo de baile irracional no Noroeste, onde tamén sorprenderá o indie pop imparable de Los Punsetes. Mastodonte, o novo proxecto musical de Asier Etxeandia ao alimón con Enrico Barbaro, chega á Coruña como unha festa na que a electrónica, o rock, o barroco, o funk, o experimental, o clásico e a música dance fúndense nunha celebración definitiva. Pola súa banda, a icona da canción Paco Ibáñez poñerá música ás composicións de poetas como Alberti, Neruda ou Goytisolo na Selección Noroeste 2019, que tamén achegará ás butacas da Coruña a singular fusión de jazz e fado do compositor e músico portugués Júlio Resende.

Así mesmo,o Noroeste Estrella Galicia continúa un ano máis a súa aposta por visibilizar o que está a acontecer na escena musical galega, coas confirmacións de Baiuca, Basanta, Electra, Holywater, Os Amigos dos Músicos, Pablo Lesuit, Pardo, Santi Aráujo e Silvia Penide. No 33º Noroeste Estrella Galicia na súa versión expandida por enclaves singulares da Coruña actuarán, ademais, as seguintes bandas e artistas recentemente confirmadas: Bart Davenport, Hailu Mergia, La URSS, Los Estanques, Los Vinagres, Los Voluble, Lucifer, Night Shades, Teething, The Sey Sisters, Volcanes e Zu. Estas novas figuras súmanse a un cartel no que xa estaban anunciadas Patti Smith and Band, Nathy Peluso, Soleá Morente, Andhrea & the Black Cats, Holly Miranda, Jenny and the Mexicats, Las Antonias e Vudú.

O 33º Noroeste Estrella Galicia celebrarase do 6 ao 11 de agosto de 2019, coa mesma filosofía urbana, ecléctica e de calidade dos seus últimos catro anos. Na súa pasada edición, o festival rexistrou preto de 90.000 asistentes. Este ano repetirá as súas máis de 150 horas de música ao vivo sobre escenarios singulares de toda a cidade, para consolidarse de novo como unha cita única e de referencia do verán peninsular.