• As actuacións da praza das Bárbaras trasladaranse á praza da Constitución nas mesmas horas previstas; os concertos da praza de San Nicolás realizaranse no Campo da Leña, espazo no que se ampliarán os horarios da xornada; e o espectáculo de Hailu Mergia do Castelo de Santo Antón terá lugar no Teatro Colón, ás 22.30h
  • Os concertos no Campo da Leña adiantaranse ás 19.30 horas. Sobre este escenario actuarán Los Vinagres, Contenedor de Mierda, Paul Collins Beat, La URSS, Jenny and the Mexicats e Toundra
  • A praza da Constitución acollerá as propostas musicais de Santi Araújo, Escuchando Elefantes e Mastodonte, o novo proxecto musical de Asier Etxeandía
  • Os concertos de Faia, Ruiseñora e Músculo! nos patios da Casa Museo Casares Quiroga e da Fundación Luis Seoane trasladaranse ao interior do recintos
  • As matinais do xoves 8 de agosto arrancarán segundo o plan establecido, contra ás 12.30 horas, na rúa Torreiro. Sala 5, Andhrea & The Black Cats, Dr. Spectro, Theta Waves, Los Árboles, Elvis Negro e Ladrillo y Mujer actuarán no horario do aperitivo


A organización do 33º Festival Noroeste Estrella Galicia pon en marcha un dispositivo especial de cara á garantir a celebración dos concertos programados para este xoves, 8 de agosto, ante a choiva intensa prevista para o día de mañá. Deste xeito, as actuacións da praza das Bárbaras trasladaranse á praza da Constitución; os concertos da praza de San Nicolás realizaranse no Campo da Leña, xunto aos xa previstos neste espazo, e o espectáculo de Hailu Mergia do Castelo de Santo Antón terá lugar, finalmente, no Teatro Colón, ás 22.30h. Os concertos de Faia na Casa Museo Casares Quiroga os de Ruiseñor e Músculo! na Fundación Luis Seoane trasladaranse ao interior do recintos, mentres que as actuacións matinais manteranse no horario e lugar planeados.

Así, o Campo da Leña, no que se atopa instalada desde hoxe unha estrutura específica, ampliará o seu horario e abranguerá o maior número de concertos da xornada, ao acoller as propostas previstas no espazo así como as da praza de San Nicolás. A primeira actuación adiantarase até as 19.30 horas e virá da man do trío de La Palma Los Vinagres. De seguido, contra ás 20.25 horas, iniciará a súa actuación a banda galega de punk Contenedor de Mierda. Ás 21.20 horas será a quenda de Paul Collins Beat, nunha cita na que percorrerá os mellores temas da súa traxectoria, namentres La URSS subirá ao escenario ás 22.25 horas para presentar o seu novo traballo, Nuevo Testamento, no que poñen en cuestión o mundo actual. O último concerto previsto en San Nicolás, o de Jenny and the Mexicats, será finalmente ás 23.30 horas no Campo da Leña, unha actuación na que a banda despregará un espectáculo único a ritmo de jazz, rockabilly, reggae ou country baixo o liderado da súa cantante. Finalmente, o rock instrumental dos madrileños Toundra e do seu último traballo, Vortex, pechará a terceira xornada do Festival Noroeste Estrella Galicia ás 00.45 horas.

No caso das propostas musicais programadas para a praza das Bárbaras, como son Santi Araújo, Escuchando Elefantes e Mastodonte, trasladaranse a outro espazo da Cidade Vella, como é a praza da Constitución. Neste enclave comezará, segundo o horario previsto, o concerto do cantautor de Ponteareas Santi Araújo (20.30 horas). Após da actuación do cantautor de Ponteareas, ás 21.30 horas será a quenda da banda local Escuchando Elefantes. Pechará a noite, contra ás 22.45 horas, Mastodonde, o novo proxecto do actor Asier Etxeandía no que participa tamén Enrico Barbaro.

Outra das actuacións cuxa localización mudará a organización do 33º Festival Noroeste Estrella Galicia para garantir a súa celebración será a do etíope Hailu Mergia. O multiinstrumentista acompañarase dun trío de jazz no concerto que, finalmente, terá lugar ás 22.30 horas no Teatro Colón. Coma nas restantes citas programadas no Castelo de Santo Antón, as entradas poderanse retirar de xeito gratuíto, desde as 10.00 horas da mañá da xornada anterior, a través do portal www.ticketea.com.

O dispositivo manterá as actuacións da Casa Museo Casares Quiroga e da Fundación Luis Seoane nos propios recintos, trasladando os concertos do patio ao interior dos mesmos, sen que esta medida afecte ao horario de celebración. Así, contra ás 19.00 horas, Faia, membro de De Vacas, presentará o seu primeiro traballo en solitario, o experimental Ao cabo leirín, no que a cantautora une canto tradicional e espazos sonoros atemporais baixo unha mirada persoal. No caso do centro de arte da Cidade Vella, a primeira actuación será a de Ruiseñora. Ás 20.00 horas o singular dúo presentará o seu último traballo, Relente, no que funden canto popular con rock alternativo electrónico. De seguido, ás 21.15 horas, Músculo! despregará o seu son electrónico co cal xa percorreu festivais de toda a península.

O XOVES COMEZAN TAMÉN AS SESIÓNS MATINAIS, QUE SE CELEBRARÁN NOS HORARIOS E ESPAZOS PREVISTO

Este xoves, 8 de agosto, comezará outro dos ciclos de programación especiais do Festival Noroeste Estrella Galicia, como son as sesións matinais, nas que teñen o seu espazo as propostas máis singulares da escena independente galega, estatal e internacional. Unha ventá aberta a bandas e artistas únicos nun horario aberto para todos os públicos, como é o do aperitivo, no centro urbano da cidade.

Os concertos arrancarán segundo o previsto. Así, a partir das 12.30 horas, a rúa Torreiro acollerá as actuacións do quinteto local de pop-rock Sala5 e de Theta Waves (13.30 horas), que ofrecerá un enérxico directo de punk e noise rock. Ambas agrupacións noveis, que están a rodar polas principais salas da Galicia forman parte dos Locais de Ensaio municipais. Por último, a mítica banda de noise pop coruñesa Elvis Negro pechará a sesión cun directo que comezará ás 14.45 horas.

O segundo dos escenarios das sesións matinais será a rúa Capitán Troncoso e contarán con dúas bandas galegas no mesmo. Ás 13.00 horas o son de Andhrea & The Black Cats levará ao público coruñés a viaxar, a ritmo de blues, até Nova Orleáns e, de seguido, contra ás 14.15 horas, Los Árboles presentará Ensayo y error, o seu último traballo ateigado de pop clásico aderezado con toques actuais.

Finalmente, a praza José Sellier Loup será o terceiro enclave que acolla as sesións matinais desta nova edición do Festival Noroeste Estrella Galicia. A primeira actuación chegará ás 13.15 horas da man de Dr. Spectro, o novo proxecto musical de Marcos Suncheese y Pableton Abeijon. Ao remate, contra ás 14.30 horas, comezará a cita musical co synth punk e o rock combativo da banda coruñesa Ladrillo y Mujer.