LORA, The Rapants e Portland foron seleccionados como gañadores do XXI Concurso de Bandas e Solistas de Cuac FM e, como parte do premio, actuarán este verán no 33º Festival Noroeste Estrella Galicia como teloneiras dos cabezas de cartel o venres 9 e o sábado 10 de agosto de 2019  no escenario da Praia de Riazor.

O Festival Noroeste Estrella Galicia, organizado polo Concello da Coruña, colabora deste xeito, un ano máis, co Concurso de Bandas e Solistas da radio comunitaria coruñesa Cuac FM, que acaba de celebrar a súa 21ª edición. O certame alcanzou este ano 2019 unha cifra récord no importe en metálico dos seus premios, que é de 4.500 euros. Na Categoría Exclusiva para Bandas Galegas resultaron vencedoras LORA, The Rapants e Portland. Estas tres bandas galegas gañadoras actuarán na Praia de Riazor como teloneiras dos cabezas de cartel do Noroeste Estrella Galicia o venres 9 e o sábado 10 de agosto. Entre elas, Portland, que é coruñesa, alzouse, ademais, co Premio á Mellor Banda Local, cunha recompensa en metálico de 1.000 euros. As outras dúas bandas gañadoras recibirán unha remuneración de 900 euros.

O obxectivo do concurso foi, un ano máis, “fomentar a cultura musical na nosa contorna, outorgándolle valor engadido á música local”. Un xurado composto por non menos de cinco profesionais do mundo da música e socios e socias da emisora Cuac FM valorou, entre outros aspectos, a calidade das distintas propostas, tanto a nivel tanto instrumental como lírico, para emitir o seu veredicto.