• O festival, organizado polo Concello da Coruña, ofreceu ao longo de seis xornadas máis de 150 horas de música ao vivo en 13 escenarios situados en espazos singulares da cidade
  • As actuacións de Patti Smith and Band, Nathy Peluso, Soleá Morente, Baiuca, Toundra, La URSS, Los Estanques ou Paco Ibáñez destacaron entre o público, que puido gozar dun cartel ecléctico conformado por máis de 75 bandas e artistas, das que un 50% son galegas
  • A romaría popular contemporánea no parque do Paseo das Pontes da man do Mercado da Colleita, que acolleu actividades en #modorural para toda a familia e os concertos de Anni B Sweet, Los Punsetes, Silvia Penide, Derby Motoreta’s Burrito Kachimba, Bart Davenport ou Joe Crepúsculo, atraeu a máis de 20.000 persoas durante toda a fin de semana 
  • A preparación dun dispositivo especial por mor das condicións meteorolóxicas permitiu a celebración de todos os concertos previstos, nos que a asistencia e a entrega do público foron exemplares a pesar das choivas, consolidando un evento ecléctico, urbano, contemporáneo e gratuíto, que é un referente entre as citas musicais do calendario estatal

 

A 33ª edición do Festival Noroeste Estrella Galicia consolidou a cita musical como referente no panorama estatal do verán. Máis de 100.000 persoas asistiron a un festival que segue a crecer en popularidade e que se sitúa como un dos piares fundamentais do patrimonio cultural da cidade. Ao longo de seis xornadas, o festival, organizado polo Concello da Coruña, programou máis de 150 de horas de música ao vivo nun total de 13 espazos da cidade, achegando así a todos os públicos as propostas musicais de máis de 75 bandas e artistas, das que un 50% son galegas e máis dun 45% contan con presenza feminina.

Entre as actuacións que mellor acollida tiveron nesta 33ª edición sitúanse as actuacións no areal de Riazor, no que o Festival Noroeste Estrella Galicia apostou por programar grandes bandas lideradas por mulleres, ademais dos grupos gañadores do Concurso de bandas e solistas de Cuac FM. Así, o público gozou das actuacións de Patti Smith and Band ou Nathy Peluso, ademais das de Belako e The Sounds na segunda xornada de concertos na praia. En canto ao Noroeste Expandido, algunhas das actuacións máis aplaudidas foron as de Baiuca, Mastodonte, The Last Internationale, Soleá Morente, La URSS ou Toundra, ademais da de Paco Ibáñez, que esgotou as entradas do seu concerto semanas antes do seu recital no Teatro Colón. Outra das citas máis celebradas nesta edición foi a de Anni B Sweet, unha proposta que tivo lugar no parque do Paseo das Pontes, no Mercado da Colleita.

A iniciativa de compromiso social impulsada pola Corporación Hijos de Rivera obtivo tamén un importante número de asistentes. A proposta do Mercado da Colleita atraeu a máis de 20.000 persoas durante a fin de semana, o que supón un aumento considerable de participantes nun evento capaz de xerar un ambiente único arredor do medio ambiente, o desenvolvemento sostible, o consumo responsable e a posta en valor da orixe. Por cuarto ano consecutivo, a romaría popular contemporánea que propón o Mercado pechou a axenda de concertos do Festival Noroeste Estrella Galicia ante o fervor do público, cun cartel que contou con artistas como Silvia Penide, Los Punsetes ou Joe Crepúsculo.

Outra das iniciativas que acadaron unha boa acollida entre públicos de todas as idades foron as sesións matinais. Por terceiro ano, as propostas máis singulares da escena independente galega e estatal encheron de música o centro urbano da Coruña á hora do aperitivo grazas aos escenarios situados nas as rúas Capitán Troncoso e Torreiro, ademais da praza de José Sellier Loup e o Bulevar do Papagaio. Bandas como Ladrillo y Mujer, Blanco Palamera ou Indi Tumbita & The Voodoo Bandits sorprenderon ás asistentes ás diferentes sesións que se celebraron nas mañás do xoves, venres e sábado.

As altas cifras de asistencia confirman o crecemento exponencial en popularidade do festival nas últimas edicións. En internet, o Noroeste Estrella Galicia, que suma máis de 32.000 seguidoras e seguidores en redes sociais, acadou un grande impacto, chegando a máis de 3 millóns de persoas durante a súa celebración. Esta popularidade levou ao cancelo #Noroeste2019 a situarse, durante a xornada de apertura, como trending topic a nivel local e estatal.

 

ÉXITO DO DISPOSITIVO PREVISTO ANTE AS INCLEMENCIAS METEOROLÓXICAS
A previsión, por parte da organización do Festival Noroeste Estrella Galicia, dun dispositivo especial  por mor das inclemencias meteorolóxicas permitiu a celebración de todos os concertos programados para esta edición, co traslado das actuacións dos espazos afectados pola choiva a outros recintos, ou ao interior dos mesmos.  Así, os concertos previstos para o xoves 8 na Praza das Bárbaras celebráronse na praza da Constitución; os da praza de San Nicolás sumáronse aos do Campo da Leña, que ampliou o seu horario para abranguer todas as actuacións, e o recital de Hailu Mergia do Castelo de Santo Antón moveuse ao Teatro Colón. A este mesmo espazo trasladouse o concerto de Soleá Morente do mércores 7 por mor do empeoramento das condicións meteorolóxicas nesa mesma xornada. Nestes casos, ante o aumento da capacidade do patio de butacas, a organización do Festival puxo á disposición do público novas entradas horas antes de cada actuación.

A pesar das intensas choivas, a asistencia e entrega do público en cada un dos concertos programados foi única e masiva, polo que o Festival Noroeste Estrella Galicia quere agradecer a todas as persoas asistentes o seu compromiso coa música ao vivo e cunha cita imprescindible que xa é referente no patrimonio cultural da Coruña.