O 33º Festival Noroeste Estrella Galicia da Coruña desvela novas  confirmacións para este 2019. Nathy Peluso daralle a réplica a Patti Smith  and Band sobre o escenario da Praia de Riazor o venres 9 de agosto, no que é  o seu único concerto programado para este verán en Galicia. Mentres, Soleá  Morente encherá o Castelo de Santo Antón de elegancia pop e espontaneidade  flamenca nun espazo onde o público tamén poderá gozar dos sons intimistas da  cantautora prodixio estadounidense Holly Miranda.

Ao 33º Festival Noroeste Estrella Galicia na súa versión expandida por enclaves singulares da Coruña sumaranse, ademais, Jenny and the Mexicats -a golpe dunha atractiva fusión de ritmos latinos con sons coma o jazz, o rockabilly, o folk, o flamenco e o reggae- e Andhrea & The Black Cats, que regresa co seu blues de raíz e cunha nova incorporación na súa   formación: a tuba. Las Antonias e Vudú, que en 2018 tiveron que cancelar as   súas actuacións no festival por mor da choiva, estarán presentes tamén nesta nova edición do Noroeste Estrella Galicia.

O 33º Noroeste Estrella Galicia celebrarase do 6 ao 11 de agosto de 2019, coa mesma filosofía urbana, ecléctica e de calidade dos seus últimos catro anos. Na súa pasada edición, o festival rexistrou preto de 90.000 asistentes e un 72% de cota feminina nun cartel con máis de 85 bandas e artistas programadas. Este ano repetirá as súas máis de 150 horas de música ao vivo sobre escenarios singulares repartidos por toda a cidade, para consolidarse de novo como unha cita única e de referencia do verán peninsular.