Vive unha cidade que se transforma

ao son da mellor música

Como cada ano, A Coruña transformarase no mes de agosto para acoller unha nova edición do Festival Noroeste Estrella Galicia. Unha cita musical única en España, cun atractivo programa de concertos ao aire libre e que cada ano reúne a máis de 60.000 persoas. O festival, organizado polo Concello da Coruña coa colaboración de Estrella Galicia, presenta una liña estilística aberta, diversa e contemporánea, que saca a música dos espazos máis convencionais, espallándoa por toda a cidade, desde a Praia de Riazor ata o Castelo de Santo Antón, pasando por prazas, museos, parques e paseos emblemáticos. Unha experiencia que invita ao gozo e o descubrimento da mellor música a toda A Coruña e os seus visitantes.

O Festival Noroeste Estrella Galicia apostará un ano máis por sentir a música de forma próxima, experiencial e sostible en espazos singulares, da man de bandas e directos imprescindibles, nunha cidade única bañada polo Atlántico. Co 32º Noroeste Estrella Galicia, o público poderá vivir un festival contemporáneo e vibrante como a propia A Coruña. O seu cartel, atractivo e ecléctico, reunirá máis de 80 concertos de figuras de nome internacional e estatal, referentes de moitas e diversas xeracións, que compartirán escenario con novas promesas a seguir de cerca. Este 2018, o festival apostará de novo por converterse nun verdadeiro escaparate de grandes directos, sen quitarlle ollo á nova escena musical galega.

SINTE O NOROESTE

14

escenarios urbanos

80

bandas e artistas

6

días de concertos

150

horas de música

Calidade,

diversidade,

contemporaneidade

O Festival Noroeste Estrella Galicia ábrese a todos os públicos e aos estilos musicais máis ricos e eclécticos: pop, rock, swing, folk, psicodelia, reminiscencias sixties, funk, hip hop, sons urbanos, flamenco experimental, fado, jazz, electrónica, vangarda minimalista, canción de autor, country, rock progresivo, garage, rockabilly, indie, e ata o hardcore máis salvaxes.

Música e arquitectura dialogarán na Coruña para deseñar un mapa de sons moi especial, con concertos durante seis días en quince espazos singulares diferentes. Un ano máis, e xa van 32, o Noroeste Estrella Galicia encherá de música todos os recunchos da cidade. E é que, se algo ten o festival, ademais do seu atractivo cartel de concertos, é o marco incomparable onde teñen lugar os seus directos: unha praia bañada polo Atlántico, atrios e patios de museos que se renden á experimentación, carismáticas prazas de pedra…

32 anos de música

ao vivo

Coa idea de que bandas coruñesas compartiran cartel con recoñecidos conxuntos do panorama nacional, como Burning ou Siniestro Total, en 1986 celébrase o primeiro Festival Noroeste Pop Rock. Cun éxito avalado por máis de 30.000 espectadores no pavillón de Riazor, ao ano seguinte repítese a fórmula, cuns novatos Ronaldos dando o seu primeiro grande concerto para masas. Tras un intento en 1988 de situarse na Praza de María Pita, en 1989 o festival aséntase na praia de Riazor, con La Unión como gran primeiro cabeza de cartel.

Edición a edición, o Festival Noroeste foi crecendo en adeptos e relevancia. O seu cartel abriuse ás estrelas internacionais e chegou a reunir na praia a máis de 100.000 persoas por concerto. Ano tras ano, polos seus escenarios pasaron bandas e artistas de talla internacional como The Cure, Bob Geldof, Status Quo, Joe Cocker, The Hives, Paul Weller, Suede, Madness, Mika… E tamén grandes nomes nacionais como Hombres G, Los Suaves, Pereza, Josele Santiago, Kiko Veneno, M-Clan, Nacha Pop, Leiva, Love of Lesbian ou Xoel López.

En 2015 o festival dá un novo salto para transformarse nunha cita de referencia máis aberta, dimensionada, contemporánea e diversa. O público puido vibrar con máis de 30 concertos, e entre as súas cabezas de cartel soaron nomes como Mando Diao, León Benavente, Los Planetas, Sidonie, La Habitación Roja, Ariel Rot ou Coque Malla.

A tendencia seguiu no 2016, e o Noroeste Estrella Galicia celebrou o seu 30º aniversario da mellor maneira, con máis de 60 concertos en 6 días de festival, enchendo 9 escenarios espallados por toda a cidade e con máis de 100 horas de directos de calidade. Entre outros moitos, pasaron polos escenarios do 30 Noroeste Estrella Galicia, Ocean Colour Scene, Editors, Freedonia, Triángulo de Amor Bizarro, Neil Halstead, Howe Gelb, Julián Maeso, Sex Museum, Carmen Boza ou El Niño de Elche.

En agosto de 2017, o Noroeste Estrella Galicia encheu de música toda a cidade, con máis espazos, máis directos, máis horas de música en vivo, sesións matinais e pinchadas nalgúns dos locais máis imprescindibles da noite coruñesa. O descubrimento de novos sons e o gozo de grandes directos en escenarios singulares segue a ser a súa mellor aposta. Non faltaron á cita nomes coma os de Rosalía & Raúl Refree, Surfin’ Bichos, The Jesus and Mary Chain, Iván Ferreiro, Los Mambo Jambo, Enric Montefusco, Aviador Dro ou Kaiser Chiefs.

Este 2018, o Noroeste repite a fórmula con máis de 200 horas de música ao vivo da man de bandas e artistas tan imprescindibles e únicas coma Ana Curra, Christina Rosenvinge, Capsula, Nathy Peluso, Morgan, Maria Arnal i Marcel Bagés, The Limboos, Mordem, Dona  Rosa ou Laetitia Sadier.

AFTERMOVIE 2017
ORGANIZA

PATROCINA

COLABORAN