Noticias

Que fai unha moza coma ti nun sitio coma este?

Festivais: unha mirada de xénero
Por Patricia Godes

Ningunha muller.

Nos dous primeiros festivais que se celebraron na España do franquismo, Granollers 1971 e Burgos 1975, non actuou ningunha muller.

Só tres mulleres en Canet Rock 75: Maria del Mar Bonet, Lole Montoya e unha moza en topless. A Lole apupárona. Á moza en topless, non.

En León 1976, os hippies españois apuparon a Nico. En Canet 1978, tamén.

En Canet 76, a representación feminina redúcese ás dúas gogós de Oriol Tramvia e, en Canet 77, actuou a flautista de Mirasol Colores ( Tete Matutano).

En Canet 78, Nico recibiu o apupo, pero a estrela foi Blondie, con Deborah Harry á fronte, aínda que manifestamente enfadada por ter que actuar practicamente ao amencer.

No público? A xulgar por fotos e documentais, bastantes mulleres -pero, ollo!, todas acompañadas- coa mesma cara de aburrimento que os seus noivos (excepción feita nos escasos momentos bailables).

Aos poucos, as festas e eventos institucionais déronnos ocasión de gozar concertos de Gloria Gaynor, Sarah Vaughan, Miriam Makeba, Anita O’ Day, Celia Cruz ou Nina Simone en auditorios e teatros, colexios universitarios, prazas de touros e contornas máxicas como a Muralla Árabe de Madrid. Foi un momento no que a presenza feminina tanto arriba como abaixo do escenario normalizábase, polo menos, temporalmente. Podías ir soa tranquilamente ou coas túas amigas, podías sentarte a escoitar ou baixar a bailar. Por suposto, mirábanche moito: “Pobriña, que non ten quen lle acompañe”. Pero xa pasaramos a etapa de que, sendo muller, che soltaran improperios impunemente.

Por suposto, e a pesar da liberalidade coa que se premiaban as diferentes ofertas musicais, seguía existindo un muro de cristal que só excepcionalmente permitía ás mulleres subir ao escenario.

Por outra banda, é certo que aumentou a presenza feminina entre os asistentes: un festival é a versión remocicada e contemporánea da festa maior e a romaría de outrora. Os mozos ían divertirse, a beber, a coñecer ás mozas e mozos do pobo veciño e a desinhibirse aproveitando uns días de permisividade. Agora faise o mesmo aínda que coa música de fondo de The Killers.

Pero a situación segue enquistada. Sobre o escenario, non cambian moito as cousas: en ocasións parece que só hai sitio para as mulleres se cumpren determinados requisitos. O primeiro e principal? Un físico conforme aos canons tradicionais e, por suposto, facer unha música que poida integrarse nalgúns dos patróns que a autoridade musical -sempre masculina, sexa de índole profesional ou doméstica- é capaz de entender.

E así chegamos a 2018.

O feminismo salta á palestra e convértese practicamente nunha moda coas inevitables polémicas e discusións.

E a música? Segue sendo a forza de choque que foi noutros tempos? Seguen sendo as mulleres unha forza imparable nos sons populares como foron sempre á marxe da historiografía e a crítica?
Paréceme que na Coruña, si.

A cidade celebra, por 32º ano consecutivo, o Festival Noroeste Estrella Galicia. Moitas mulleres nos distintos escenarios e contornas. Ana Curra, Maika Makovski, Andhrea Verdú, Lætitia Sadier, Neneh Cherry, Maria del Mar Bonet, Carla Green, Christina Rosenvinge, Bea a de Estrella, Carmela Pequeña, Dona Rosa, Aurora García…
E este é só a punta dunha larguísima lista. Aproximadamente, o 60 % do cartel.

Unhas son famosas, outras realizaron o seu labor creativo no ámbito local. Algunhas son veteranas, outras son noveis. Pero todas suman calidade e singularidade, e teñen algo que comunicar e que compartir.

Unha lista de nomes que nos convida a gozar dunha igualdade creativa que posiblemente deixe a súa pegada no público asistente: o talento das mulleres non ten que ser pasado por alto nin supeditado a ningún criterio nin ningunha escala de valores supremacista ou discriminatoria.

Gocemos simplemente dunha realidade natural, lóxica e inevitable: sexas de calquera cor e xénero, veñas de onde veñas, teñas os anos que teñas e peses os quilos que peses, a música é o vehículo de expresión que a través dos séculos uniu ás xentes e fixo saltar fronteiras e prexuízos.

* Patricia Godes é xornalista especializada en música e cultura popular. Traballou e colaborou en medios como Onda 2, Radio 3, TVE, Rockdelux, El País, Público ou eldiario.es. Na actualidade dirixe o seu programa na emisora madrileña M21.