O certame musical organizado por Cuac FM abre hoxe a convocatoria da súa 21º edición. Un ano máis, os grupos gañadores do concurso actuarán na Praia de Riazor como teloneiros dos cabezas de cartel do Noroeste Estrella Galicia o venres 9 e o sábado 10 de agosto de 2019.

O principal obxectivo do concurso é, coma sempre, fomentar a cultura musical na nosa contorna, dándolle un valor engadido á música local, aínda que o certame está aberto á participación de artistas de todo o estado.

Todos os grupos e solistas que desexen participar e cumpran os requisitos poderán inscribir as súas propostas a través da ligazón  ata o domingo 30 de xuño ás 14 horas.

BASES DO XX CONCURSO CUAC FM DE BANDAS E SOLISTAS 2019
  • Primeira.- Poderán participar neste concurso todos aqueles grupos musicais e/o solistas residentes no estado español de calquera estilo musical, excepto GRUPOS OU SOLISTAS que editaran máis de 15 cancións de composición propia independentemente do formato no que se fixeran. Computan tanto edicións físicas de CDs, vinilos, EPs, singles, como de edicións dixitais en plataformas como Bandcamp, Soundcloud e similares. Compútanse as cancións editadas co mesmo nome da banda ou solista.

O feito de editar as cancións cun selo discográfico independente ou ter contrato cunha distribuidora non exclúe de poder participar no presente concurso.

IMPORTANTE: As bandas e solistas que teñan contrato deben indicar o nome do seu selo ou da súa distribuidora no formulario de inscrición. No caso de non facelo serán descalificados.

  • Segunda.- Cada participante deberá cubrir o formulario de inscrición que se encontra na páxina web de CUAC FM.

IMPORTANTE: Existe un formulario para bandas galegas e outro para bandas de fóra de Galicia. Cubre só o que corresponda. O concurso consta de dúas fases e ese é o motivo. Nos puntos sucesivos explicámolo.

Se hai erros na inscrición, esta non será válida. No caso de duplicidade de inscrición só se terá en conta unha delas.

Cada proxecto debe enviar un mínimo de dúas cancións de composición propia en MP3 ou en formato físico. No caso de recibir máis de dúas cancións, o xurado valorará as dúas primeiras por orde de chegada ou os dous primeiros cortes no caso de chegar en CD, pendrive ou similares.

Nesta edición hai dúas datas límite para inscribir un proxecto musical no concurso:

    1. A data límite para inscribirse correctamente e enviar as cancións para as bandas e solistas galegos que desexen participar na Fase Exclusiva para bandas galegas cuxos tres gañadores actuarán no escenario da praia do Festival Noroeste Estrella Galicia é o domingo 30 de xuño de 2019 ás 14 horas. O xurado escoitará dous temas por banda sen coñecer a quen pertencen.
    2. O prazo límite para a inscrición de bandas e solistas de fóra de Galicia, ademais daquelas galegas que non desexen participar na fase indicada no parágrafo anterior será ata o sábado 20 de xullo ás 14 horas.

As bandas galegas que se inscriban tras o 20 de xullo deberán facelo igualmente no formulario para bandas galegas. Só participarán nas votacións de cara á participar na Batalla de Bandas.

O envío dos MP3 realizarase a través dun enlace de descarga que se deberá insertar no formulario de inscrición na casilla correspondente. No caso de producirse algún problema cunha descarga a organización contactará por correo electrónico para solucionalo.

Sistemas suxeridos (aínda que valen outros): Google Drive, Dropbox, WeTransfer, MEGA, UploadMe. Revisa que estean correctamente compartidos para evitar problemas de descarga.

A dirección para o envío de CDs físicos é:

XX Concurso de Bandas CUAC FM
CUAC FM, SAPE Pavillón de Estudantes
Campus de Elviña
15071 A Coruña

NOTA: Para solventar dúbidas podes escribir un correo a concursobandas@cuacfm.org

  • Terceira.- Os xurados do concurso serán elixidos pola emisora CUAC FM en número ​impar, cun mínimo de cinco compoñentes, sendo na súa maioría persoas externas á emisora e o resto estará composto por socias e socios de CUAC. Estas serán elixidas pola súa traxectoria no mundo da música.
  • Cuarta.- O sistema de votación será decidido polos membros do xurado, baseándose sempre nun sistema equitativo e ratificado por persoal da organización do concurso pertencente a CUAC FM.
  • Quinta.- PREMIOS. Esta XXI edición conta de novo coa colaboración co Concello da Coruña, Concellaría de Culturas, co obxectivo de mellorar os premios e lograr unha maior difusión e dotación do concurso, así como máis repercusión para as bandas gañadoras.

Outorgaranse diversos premios ás mellores bandas ou solistas en dúas fases:

1ª Fase

PREMIOS EXCLUSIVOS PARA BANDAS GALEGAS

Grazas á colaboración co Concello da Coruña, establécense 3 gañadores nesta XXI edición cuxo premio consistirá nunha actuación no Festival Noroeste Estrella Galicia que se celebra no mes de agosto na cidade da Coruña e actuarán no escenario principal na praia de Riazor os días venres 9 e sábado 10 de agosto antes dos cabezas de cartel.

A organización do festival será a responsable de decidir os escenarios, día e hora nos que participarán as bandas gañadoras, sempre de forma coordinada coa persoa responsable da banda para facilitar a súa participación no evento. É requisito imprescindible actuar no Festival Noroeste para cobrar o premio.

Serán seleccionadas as tres bandas ou solistas galegas que obteñan máis puntuación nas votacións do xurado.

De entre as tres propostas gañadoras, ao menos unha (pero poden ser máis) será obrigatoriamente da Coruña. Para considerarse banda da Coruña ao menos a metade dos seus compoñentes deberán estar empadroados na cidade. O premio será para a banda local que obteña maior puntuación sexa cal sexa a orde obtida na clasificación xeral das bandas ou solistas galegos. Esta banda que logre a mellor puntuación obterá o Premio á Mellor Banda Local. O premio económico será de 1.000 euros, sendo requisito imprescindible para obtelo actuar no Festival Noroeste Estrella Galicia 2019.

No caso de empate a puntos procederase tal e como indica o punto sexto das presentes bases.

As outras dúas bandas galegas gañadoras recibirán unha remuneración de 900 euros por participar no festival.

A organización terá a potestade de contratar a máis bandas galegas (incluídas as bandas locais) que participaran no concurso. Neste caso a negociación do caché, así como data, hora e escenario será responsabilidade da organización do Festival e a banda, sen ter CUAC FM intervención na citada negociación. Por tanto, participar neste concurso non exclúe a posibilidade de ser contratados pola organización do festival con anterioridade a coñecerse o veredicto do xurado.

Se se dera o caso de que unha banda gañadora xa estaba contratada para actuar no Festival Noroeste, deberá informar a CUAC FM desta situación e decidir se a actuación a realiza como gañadora do concurso ou fóra del.

Esta eventualidade non repercutirá no número de bandas galegas premiadas no Concurso de CUAC FM que participen no Festival Noroeste Estrella Galicia, que sempre será de tres. No caso de renunciar algunha das gañadoras, convocaríanse ás seguintes por orde de puntuación obtida.

O listado de gañadores das bandas galegas que actuarán no Festival Noroeste Estrella Galicia farase público como data límite o 15 de xullo de 2019. En función da puntuación designaranse bandas ou solistas finalistas suplentes aos que se lles comunicará esta clasificación por se xorde algún problema cos gañadores (e non poden realizar a actuación) estean preavisados.

2ª Fase

PREMIO BATALLA DE BANDAS

IMPORTANTE: As bandas ou solistas que obtiveran premio na primeira fase non poderán ser seleccionadas nesta segunda.

Resultarán finalistas do concurso, con premio asegurado, os dous grupos que obtiveran un maior número de puntos, sempre e cando participen no concerto final do Concurso de Bandas CUAC FM, que se celebrará o sábado 28 de setembro de 2019 na Sala Mardi Gras da Coruña. No caso de non participar no concerto convocarase aos seguintes clasificados ata que dous confirmen a súa asistencia. Cada grupo actuará 40 minutos. No repertorio pódense incluír un máximo de dúas versións.

O xurado estará composto por cinco ou sete persoas entre socias de CUAC e persoas externas á emisora. Este determinará, unha vez finalizadas as dúas actuacións da Batalla de Bandas, o primeiro e segundo premio que será de 800 euros e 600 euros respectivamente. Estes postos decidiralos o xurado en función da actuación realizada, sendo a súa decisión inapelable. Non caso de non asistir algún membro do xurado no momento de comezar o concerto, a organización designará un novo membro entre os presentes (con preferencia para persoas de CUAC FM primeiro e persoal da Sala Mardi Gras en segundo lugar) para que sempre sexa un número impar.

O fallo definitivo, unha vez celebrado o concerto final, comunicarase directamente aos interesados tras a actuación, ademais de difundirse en diversos medios de comunicación e en CUAC FM.

Os dous finalistas da Batalla de Bandas faranse públicos na semana posterior á finalización do Festival Noroeste Estrella Galicia.

  • Sexta.- Premio especial á Mellor Canción en Galego.

Por segundo ano consecutivo establécese un novo premio que se outorgará á Mellor Canción en Galego de entre todas as recibidas. Este premio é compatible con outros recibidos nesta mesma edición. O premio outorgarase nunha votación especial dun xurado composto por persoas de CUAC FM e doutras emisoras comunitarias galegas en número impar (cinco ou sete persoas). A canción gañadora recibirá un premio de 300 euros. Este premio non implica realizar ningunha actuación. O recoñecemento entregarase, de ser posible, nun programa en directo de CUAC FM e emitirase o tema gañador íntegro con entrevista ás persoas implicadas na súa composición tanto na letra como na música.

  • Séptima.- No caso de producirse empates nas puntuacións en calquera das dúas fases ou no premio á Mellor Canción en Galego, gañará quen obteña máis máximas puntuacións; no caso de continuar o empate, procederíase así cos seguintes niveles de puntuación ata lograr un desempate.
  • Octava.- As bandas xa premiadas en edicións anteriores do Concurso CUAC FM de Bandas e Solistas (antes llamado Concurso de Maquetas) non poderán participar no presente concurso.
  • Novena.- A participación neste concurso implica a aceptación tácita da totalidade das súas bases. As cancións enviadas serán radiadas en CUAC FM. As bandas e solistas autorizan a emisión na citada emisora dos temas enviados, incluso aqueles que non obtiveran ningún premio.

Se por algún motivo xustificado algunha banda ou solista desexa que os seus temas non sexan emitidos, debe solicitalo por escrito a concursobandas@cuacfm.org.

  • Décima.- Se a organización detecta o incumprimento de algún apartado destas bases en calquera momento do proceso entre a convocatoria e a resolución do Concurso, a banda ou solista que incumprise as mesmas será descalificada inmediatamente.

Se se detecta algún incumprimento das bases unha vez realizada a actuación por parte dalgún dos gañadores, poderáse solicitar a devolución do importe económico do premio se xa se cobrou.