O Festival Noroeste Estrella Galicia, organizado polo Concello da Coruña, colabora, un ano máis, co Concurso de Bandas e Solistas da radio comunitaria coruñesa Cuac FM, que en 2018 celebra a súa 20ª edición. O certame alcanza este ano unha cifra récord no importe en metálico dos seus premios, que será de 4.200 euros. Poderán presentarse bandas e solistas de todo o estado español cun máximo de 15 cancións propias editadas.

É posible participar ata o domingo 10 de xuño ás 14.00 horas. As catro bandas galegas gañadoras actuarán na Praia de Riazor como teloneiras dos cabezas de cartel do Noroeste Estrella Galicia. Polo menos unha delas será coruñesa e alzarase co Premio á Mellor Banda Local, que ten ademais unha recompensa en metálico de 700 euros. Ademais, con motivo de 20º aniversario do concurso, créase un novo Premio á Mellor Canción en Galego, cunha recompensa de 300 euros, que é compatible co resto de galardóns da convocatoria.

As inscricións realizaranse a través do formulario online https://cuacfm.org/concurso-bandas/. O requisito de participación é enviar dúas cancións propias, en MP3 ou en formato físico. Pódense consultar as bases completas aquí. A organización resolverá as posibles dúbidas a través do correo concursobandas@cuacfem.org.

Unha vez pechado o prazo de recepción de temas, un xurado composto por non menos de cinco profesionais do mundo da música e socios e socias da emisora Cuac FM valorará, entre outros aspectos, a calidade das distintas propostas, tanto a nivel tanto instrumental como lírico, e emitirá o seu veredicto.

Os e as gañadoras da pasada edición do Concurso de Cuac FM que participaron no 31º Festival Noroeste Estrella Galicia foron o grupo de punk guitarreiro The Riggos, a cantautora coruñesa Cia. Campillo, a banda de trap Boyanka Kostova e o conxunto de rock Eager Platypus. O obxectivo do concurso é, un ano máis,”fomentar a cultura musical na nosa contorna, outorgándolle valor engadido á música local”.

No concurso, ademais, e como xa é tradicional dende a súa primeira edición, poden participar bandas de todo o Estado, pero as de fóra de Galicia non entrarán na selección do Noroeste e irán directamente á Batalla de Bandas, que terá lugar o sábado 6 de outubro de 2018 na Sala Mardi Gras da Coruña e repartirá outros 1.400 euros en premios.