A Coruña celebra do 6 ao 11 de agosto unha nova edición do Festival Noroeste Estrella Galicia. Con ela xa son 33 edicións gozando do mellor do panorama musical estatal e internacional e descubrindo novas bandas emerxentes. As prazas, as rúas, os teatros e a praia de Riazor acollerán máis de 80 artistas e bandas que encherán dunha ampla variedade musical a cidade.

O programa destaca por ofrecer música para todos os gustos da #XenteNoroeste. Saímos á rúa para coñecer a opinión dalgúns veciños e veciñas. Eles tamén son #XenteNoroeste que presume do festival coruñés.

Rubén Alonso e Tania Souto

xente noroeste

Rubén e Tania, xunto cos seus fillos Gael e Lúa, gozan todos os anos do festival en familia. “A min gústame que haxa música varios días en diferentes escenarios”, comenta Rubén. “Gústanos moito ir polas prazas porque escoitamos máis variedade musical”, engade Tania.

Rubén, como amante do metal, ten no Campo da Leña o seu escenario de referencia. Pero esta familia ten un amplo abano de gustos musicais: rock, reggae, música balcánica… e tamén electrónica, o estilo preferido por Gael. El seguramente descubrirá novos ídolos na Fundación Luís Seoane.

Esta familia recorda con especial cariño a actuación de Niño de Elche e, en xeral, toda esa edición do festival, pois puideron ir á maioría dos concertos e descubrir novos grupos.

José Luis Sánchez
xente noroeste

“A min do festival gústame o ambiente, tomar algo cos amigos, descubrirlles música aos meus nenos, coñecer xente”, coméntanos este coruñés amante do rock. Do cartel deste ano, non vai perder á mítica Patti Smith o venres en Riazor. “É historia da música, é un erro perder a ocasión de poder vela na túa cidade”, afirma.

Preguntámoslle a este coruñés quen lle gustaría ver no escenario da praia. “Por soñar, pediría Pearl Jam”, indica Luis, quen convida a vir en agosto aos seus amigos de fóra para que gocen da cidade e da música do festival Noroeste Estrella Galicia.

Laura Segret

xente noroeste

Esta coruñesas destaca o ambiente festivo que se crea na cidade. E aínda que Laura é máis de vivir a música en Riazor, coméntanos que á súa parella gústalle percorrer as prazas na busca de novos descubrimentos musicais. Cales descubrirán este ano?

Héctor Martín

xente noroeste

Máis aló da oferta musical, Héctor dános outra visión do festival. “Co Noroeste vén máis xente á cidade e move o comercio”, destaca este mozo. E estamos completamente dacordo. Cada vez máis, os festivais son un reclamo turístico e A Coruña xa é sinónimo de Noroeste, non cres?

Cristina Suárez

xente noroeste

“O festival dálle vida á cidade”, afirma Cristina, quen tamén destaca a variedade musical que ofrece. Nesta edición non vai perder estes tres concertos: Patti Smith, Nathy Peluso e Baiuca.

David Perdomo

david perdomo xente noroeste

E camiñando polas rúas coruñesas atopamos a David Perdomo e descubrimos con el que é un seguidor do festival. E que lle gusta a David do Noroeste? O metal en todas as súas variedades. Encantoulle o concerto de Ana Curra na pasada edición. Agardamos velo no Campo da Leña!

O humorista engade unha reflexión: “por que non invertir a orde dos horarios para darlles protagonismo ás bandas galegas e locais?”. Sen dúbida, ás nosas bandas calidade non lles falta para ser cabezas de cartel!

Javier Llorente e Mar de Burgos

“Un festival aberto a toda a cidade”, así nos define Javier o Noroeste. Dinos que está desexando ver a Patti Smith, The Sounds e Toundra. “Tamén é moi interesante coñecer gran cantidade de grupos que aínda non coñeces”, apunta Mar. “Esa semana de agosto xa é data sinalada na Coruña. Nós temos amigos do sur que normalmente se apuntan a vir de visita coincidindo co festival”, cóntanos Mar.

E por pedir para futuras edicións… Javier insiste en traer a Iggy Pop e Mar quere que volvan The Cure.

Mentres a #XenteNoroeste segue facendo as súas propostas para futuras edicións, coruñeses e visitantes poderemos gozar do cartel deste ano do 6 ao 11 de agosto. E ti, súmaste á #XenteNoroeste?